Ola a todo o mundo dende Holanda.
Para quen non o saiba vou pasar toda esta semana en Holanda asistindo á
7º Summer school on Advanced Functional ProgrammingAínda que sempre odiei isto de andar escribindo sobre a vida de un, paréceme unha boa idea intentar escribir algo todos os días sobre o que faga por aquí e a ver se vós tamén me escribides algo. Mais que non pense ninguén que isto vai continuar despois do 24.
Pois todo isto comezou como hai un mes cando o meu titor/supervisor/o que sexa do DEA me preguntou se me apetecía asistir a este curso. Xa vos podedes imaxinar que respondín que si inmediatamente.
A pesar de ter tanto tempo, por causas que aínda non entendo, tiven que coller o voo dende Santiago en vez de A Coruña. Para poñelo peor saía ás 7:30 polo que decidin ir o día anterior e non darlla a vara ao meu pai que amablemente se ofreceu a levarme. Debo darlle as grazas a Bea que nos acolleu tanto a min como a Alba o día antes de marchar (e por suposto a Alba que me acompañou ao aeroporto para despois voltar ela soa á Coruña).
Despois de chegar a Santiago en taxi e terme olvidado de pedir factura (na miña onda) xa comezaron os problemas. As maletas ían ser enviadas directamente a Holanda a pesar de que eu tiña que facer escala en Madrid (como non). Eu xa estaba bastante fastidiado porque soamente tiña 2 horas para cambiar de terminal e a persoa da axencia dixo que tiña o tempo bastante xusto. Entón, cando estaba facturando as maletas, a empregada de Iberia recomendoume facturalas a Madrid asegurándome que o máis probable era que se se enviaban directamente a Holanda, acabarían perdidas!!
Vale. Pois non vendo outra opción para alá foron. A consecuencia disto, estiven todo o voo batendo cos dedos na perna e imaxinándome como faría cando perdese o voo a Holanda. Contra todo pronóstico, todo saiu ben. Ao contrario do que me dixo Diego, a terminal 4 estaba practicamente baleira, en 15 minutos collín a miña maleta e outros 15 minutos despois estaba na terminal 2 facturando de novo. Por enriba, o voo a Holanda acabou retrasándose 30 minutos.
Despois de subir ao avión, a situación xa cambiou. Puiden durmir durante case todo o voo (exceptuando os momentos en que nos deron de comer e beber, todo gratis por certo) e os nervios comezaron a desaparecer.
Para repetir a xogada anterior, comprei os billetes de tren nunha máquina das que espero ter foto o último día. Preguntando, dixéronme que ao final do proceso podía pedir que me imprimise o recibo. E, efectivamente, despois de confirmar a compra a máquina "preguntoume": Do you want a receipt (yes|no)? Supoño que imaxinaredes que aparecerían na pantalla táctil estas dúas opcións, mais o único que podía facer era presionar algún dos botóns que tiñan texto en holandés. E para quen se fixera algunha vez a pregunta, o holandés e o inglés non se parecen en nada. Así que, despois de quedarme con cara de tonto, o tempo rematou, e o ticket saiu sen recibo.
Polo menos, teño que que dicir que os trens funcionan moi ben en Holanda, aínda sen saber eu sendo domingo había menos trens, había unha saída cada 20 minutos. Ademais, só tes que pagar o teu traxecto completo e despois colles a combinación de trens que máis che conveña e a calquera hora. Tamén está todo moi ben indicado.

Despois de 2 horas de trens, cheguei ao pobo máis próximo,
Boxmeer. Alí xa me atopei cos primeiros participantes, que casualmente eran os 2 portugueses. Teño que dicir que os cursos que fixen foron de grandísima axuda para falar con eles, ignorando o feito de que todos os portugueses falan un perfecto inglés.
Dende alí un taxi levoume directamente a Center Parcs Het Heijderbos, unha especia de camping no medio do monte onde se está celebrando o evento. Supoño que pensaredes que, sendo Holanda, teremos internet con fibra óptica como mínimo. Pero resulta que o único que hai é unha conexión por wifi sen cifrado e soamente dispoñible dende o "Business Center" que non me queda precisamente cerca da cabaña.
E supoño que agora estaredes desexando que vos conte algo sobre a "deluxe cottage" onde estou a durmir ou sobre as marabillosas charlas ás que asistin, mais penso que o vou deixar para mañá que xa me estou cansando de escribir e, senón, despois non vou ter demasiado que contar fóra das frikadas funcionais coas que vos penso destruír. Soamente direi que toda xente que coñecín é encantadora e que tiven unha charla que me encantou. Foto:

e que mañá será outro día...